
O 22 de decembro de 1911 nace en Mondoñedo (Lugo) Álvaro Cunqueiro.
O próximo 22 de decembro cumpriranse 100 anos do nacemento do xenial escritor e por iso un grupo de afeccionados á obra de Cunqueiro que compartimos con el o amor polo viño e a gastronomía imos renderlle homenaxe ao autor con actividades gastro-eno-literarias nas cidades e vilas de Galicia e de calquera outro lugar do mundo no que haxa amantes da literatura de Cunqueiro. Ata o momento, estamos organizando actividades en Santiago de Compostela e na Coruña, pero estamos abertos a que grupos de afeccionados a Cunqueiro se sumen con actividades noutras localidades. Se queredes organizar actividades cunqueirianas na vosa localidade, pregariamos que nolo contedes a soledadfelloza[arroba]gmail.com ou info[arroba]colineta.com (por favor, escribe so a un, non aos dous) para así difundilo nesta páxina.
Por que?
As tabernas son espazos esenciais na vida e na obra de Cunqueiro, son lugares que transitaron pola súa imaxinación pero tamén polos seus traballos como escritor; numerosos textos xornalísticos e literarios de Cunqueiro mencionan as tabernas como espazo de convivencia, de compartir historias. Cunqueiro mesmo chegou a anunciar a redacción de dous proxectos literarios ao redor das tabernas. Desde unha Historia das Tabernas de Galicia, da que chegou a escribir un texto introdutorio e cinco capítulos en 1946 ou o anuncio da novela La taberna de Galiana, situada «na metade de calquera camiño», e que nunca publicou.
En que consiste?
En Santiago de Compostela:
Ao longo do roteiro realizaremos algunha parada nas tascas emblemáticas da localidade onde cada un pagará o seu. En cada sitio, lembraremos a figura de Cunqueiro e a súa obra con lecturas de fragmentos dos seus traballos literarios e xornalísticos referidos ao lugar no que nos atopemos en cada momento ou que nos resulten especialmente evocadores ou queridos na súa obra. Tódolos asistentes que o desexen poderán participar nestas lecturas e incluso propoñer a súa propia selección de temas.
Agardamos unha noite espléndida. Pero tamén pode que chova. E os paraugas teñen unha presenza especial na obra de Cunqueiro, por iso propoñemos que tódolos participantes no roteiro leven paraugas que sirvan para lembrar os da obra cunqueiriana: quitasoles (sal el sol, de cor branca, e mirabilia, de cor amarela) e quitatebras (luceiro, de cor vermella). Leva o teu paraugas de cor, sexa cal sexa a situación climatolóxica.
Na Coruña:
Unha gran cata de viños galegos. Grazas á colaboración dos sumilleres Luis Paadín e a Luis Moya (Taberna Pil Pil) realizarase unha cata maxistral de grandes viños das diferentes DOs galegas guiada polos textos de Cunqueiro. Poderán participar aproximadamente unhas 25 persoas. Aínda quedan prazas dispoñibles. ¡Anímate a probar os grandes viños da terra!
En Lugo
O clube de cata Vitislucus, encabezado por Mercedes Rodríguez (presidenta da asociación de sumilleres Gallaecia) organiza para a tardiña unha cata de viños do Condado e unha ruta pola zona de viños da cidade que rematará nunha cea no restaurante Paprica. Todos os actos se acompañarán de lecturas de textos de Cunqueiro relacionados co mundo do viño ou con Lugo.
En Tui
Reivindicaremos como debe ser, nunha taberna de viños, coas verbas agarimosas do Cunqueiro, a emoción dos viños deste Pais. Haberá os mellores viños do país, música e lecturas de textos de Cunqueiro. Organizado polo Viticólogo dos Bagos, a Viñoteca de García e sumilleres de AGASU
Como participar?
A participación está aberta a todo aquel que o desexe e non ten ningún custe no caso de Compostela e estamos calculando os custes (que irán en función dos viños e algo de picar) no da Coruña. Co obxectivo de organizar da mellor maneira o roteiro é imprescindible que nos comuniques a túa intención de participar no mesmo por medio dun sinxelo correo electrónico. En Lugo o custe irá en función das actividades en que participe cada un.
En Compostela: Escribe a soledadfelloza[arroba]gmail.com ou info[arroba]colineta.com (por favor, escribe so a un, non aos dous).
Na Coruña: Escribe a manoelfoucellas[arroba]pantagruelsupongo.com.
En Lugo: Escribide a mercedes.embajadora[arroba]gmail.com.
En Tui: chamade ao teléfono 630 824 498
Se queres organizar o roteiro do día 22 noutra vila ou cidade galega, lembra que non tes máis que avisarnos e nós difundirémolo tamén aquí.