Un experimento audiovisual: o filme que non existe

É para nós presentarvos esta proposta audiovisual feita a partir de O Anxo Negro por Sole Felloza e no que participa un equipo de case trinta persoas. Trátase dunha creación que explora o universo literario de O Anxo Negro e especula como sería a súa versión para televisión/cine, se existira. Agardamos que disfrutedes con ela!

Primeira presentación: xoves 26 de maio ás 20 horas na Igrexa da Universidade de Santiago

En breve daremos máis datos, pero axenda esta data: xoves 26 de maio ás 20 horas na Igrexa da Universidade de Santiago. Aí faremos a primeira presentación de O Anxo Negro. Pero non é unha aburrida presentación literaria máis: haberá teatro, audiovisual, moita literatura e, por suposto, un momento final de encontro e convivio acompañados dun bo viño de Viña Costeira e pinchos. Así que márcao na túa axenda e, se te apetece, vémonos en Compostela co Anxo Negro!

O Anxo Negro: aquí tes a portada e a sinopse

Comeza a conta atrás para as librarías. Aquí xa podes ver a chula portada da novela e tamén xa podes saber, á fin, de que vai:

A principios dos anos 80, Nicolás Bren, capitán retirado da Mariña Mercante, recibe un estraño encargo por parte dos veciños dunha parroquia montañesa da Costa da Morte: recuperar a figura roubada dunha Santa Mariña da que son moi devotos.

A investigación emprendida polo capitán, xunto cos veciños da parroquia, levaraos a transitar pola trama dun sistema corrupto e a descubrir os incribles vínculos da talla cun dos instantes decisivos da historia de Europa.

Unha novela trepidante coa que Manuel Gago se mergulla nas raíces profundas da cultura popular galega.

Ficha en Xerais

A historia comeza agora

Aínda que o libro non chegará ás librarías ata o 10 de maio, e non desvelaremos a sinopse ata un pouco antes, se así o desexas podes comezar a mergullarte comigo no dilatado universo desta novela. Comezaremos co proxecto nos últimos días de abril.

Que acontecerá? Á túa dereita ves un sinxelo botón para subscribirte a un boletín. É a túa porta de entrada en primicia ao mundo do Anxo Negro. Ao longo de abril e maio, recibirás contidos multimedia que te irán introducindo nas tramas da historia. Creacións audiovisuais, fotográficas e documentos que poderás logo conectar coa novela, que te irán introducindo nas súas tramas e que coñecerás sempre antes que o resto do público.

É unha sorte de ti a ti entre un escritor e os seus lectores. Un experimento literario. Un xogo cultural.

O teu correo só será empregado para este proxecto e eliminarase trala presentación pública da novela, a finais de maio. Alí rematará o proxecto. Esta é unha proposta persoal mantida polo autor, como un agasallo aos lectores.