O Anxo Negro: o trailer dun filme que (aínda) non existe

Creo que as historias e a ficción é, hoxendía, transmedia, van alén dun formato tecnolóxico e dunha determinada técnica de contar. As convencións que limitan unha historia ao libro, ao audiovisual ou a calquer outro formato son convencións da industria, pero non deberan ser dos creadores. As tecnoloxías actuais permítennos superar barreiras antes infranqueables, exploranado novas posibilidades expresivas.

Isto non é un booktrailer
O que aquí ves é un produto da experimentación ao redor das fronteiras da ficción e da literatura. Partindo dunha crítica do concepto de booktrailer que se fai hoxendía -a maior parte deles un fracaso de público, e tentativas frustradas por falta de recursos, destrezas ou imaxinación- decidimos ir máis aló e expresarnos en liberdade, sen a necesidade de ter que vender unha historia. O que nos apetecía era, máis ben, deixar a historia correr. Imaxinarnos que acontecería se O Anxo Negro non fose unha novela, senón unha película. E o que aconteceu foi, para nós, marabilloso. Unha emocionante e marabillosa exploración dun universo de ficción o abondo próximo a nós como para permitirnos recrealo sen demasiadas dificultades técnicas.

Case trinta actores profesionais e afeccionados
Baixo a dirección e a fotografía de Sole Felloza, máis de trinta amigos participaron neste trailer dunha película que non existe, a película imaxinaria que se podería crear a partir da novela. Como escritor, isto para min foi un desafío, pois cando xa tes consolidado e fixado o texto da historia nunha novela, esta debe dar moverse, e dar un pasiño máis. Cando escribes ficción, o teu texto forzosamente elude partes da historia: para axilizar a narrativa, sacrificas parte da ambientación. Pero todos eses aspectos cobran forza nunha versión audiovisual. Os teus personaxes deben avanzar un pouco alén da ficción, e de súpeto cobran vida. Hai momentos que, como escritor, son incribles, e merecen ser vividos: cando escenas clave na novela aparecen recreadas, con vida propia, como se asistiras a un dejá vu real, corpóreo, que deixa de ser ficción para converterse noutra cousa.

Disfrutar arriscando
Producir esta peza audiovisual levounos moitos días e moitísimas horas. Foi tan duro como reconfortante e fermoso. Aquí quero agradecer a todos os amigos, as empresas, entidades e institucións que colaboraron nesta peza audiovisual, así como a xenerosidade e flexibilidade de Xerais, a miña editorial, sempre disposta a tirarse á piscina e acompañarme nas miñas tolemias de experimentación. Ao final da peza audiovisual tedes todos os créditos e agradecementos. Pero a miña percepción persoal ante isto é que, de algún xeito, aquí estabamos nós -ese nós abstracto, indefinido, pero sumamente afectivo- retratados nun momento da nosa breve vida neste mundo, participando con paixón nalgo fermoso. É nese momento cando ti, como escritor, sentes que en parte a túa obra viaxa soa despois do duro e solitario proceso da escrita. E iso é algo único.

Disfrútao.

8 thoughts on “O Anxo Negro: o trailer dun filme que (aínda) non existe

Deixa una resposta a Estefanía Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*