Namoros efímeros

14 Xul 2008

Mentres toma unhas notas nun bloc, Miguel Maneiro lembra algunhas notas do venres. Aquí, en Compostela, non quedaba nin un só coñecido con quen compartir a noite. Botouse a camiñar polas rúas, ateigadas de turistas. Fuxiu algo máis contra a zona alta da cidade vella, sentou nas terrazas de Sampaio. En momentos determinados, sentiu que toda a morea humana de compostelanos que paraba por alí era unha masa informe de camisas e cosmética, aínda que ás veces, por momentos, namorábase de xeito efímero.

E inofensivo -pensou el.

Sempre eran morenas. E sempre se parecían demasiado a Marta, perigosamente.

Ao volver a casa, non puido evitar mirar no Facebook as 16 fotos que Marta tiña posteadas, ou algunhas máis que procedían de álbumes de amigas. Algunhas fotos procedían de moito máis atrás, se cadra do inicio da carreira. As súas -eran dez fotos en diferentes lugares, unha praia da Coste da Morte, a esquina dun bar, tirada co móbil, a Torre Eiffel, unha churrascada no Pedroso- desapareceran a semana pasada. Non había marcha atrás. Como se non o soubera.

Como unha vaga de sangue lle quentou a pel da cara. Calzouse de novo e botouse á noite.

O Terceiro Afectado

10 Xul 2008

-¿Como imos, compañeiro?

Luís Ossorio sempre sorrinte. Vestido cun xersei de pico e unha rotunda garabata de seda que parece presumir de nó. Está sentado na barra do Quijote, e colle coas mans algunhas lascas do queixo parmesano de Arzúa que despois se leva paciente á boca.

-Fodido -respondeu Pedro Ínsua.

Luís deixou caer un pequeno sorriso.

-Con este tempo non me estraña. Este inverno de xullo fainos crer que xa non temos salvación nin remedio. Se a miña muller sempre insiste co chalé de Levante, erre que erre, e non lle falta razón. Pero só de pensar en xuntarme con tanta caterva de vellos e xogar ao golf todo o día…

Ossorio colleu a copa de branco que estaba bebendo e pasaron para o comedor, a penas dúas mesas ocupadas.

-Póñanos na do outro lado -díxolle ao camareiro- e xa llo digo agora, polbo, leitón, de beber un Riscal.

O camareiro marchou discretamente.

-¿Progresamos?
-Teño a transcrición case rematada -dixo Pedro-, pero falta todo o trasfondo. Quero dicir, esa carta lémbrame moito ás memorias que redactaban os conquistadores sobre as súas aventuras en América. Eran pura exculpación e inxuria aos competidores.
-Pero Orxás non competía contra ninguén. Bastante tiña el consigo mesmo -dixo Luís- a quen lle pasa a pelota do seu fracaso?
-Fundamentalmente a todo o mundo. Incrimina a un par de correxidores que lle impediron, segundo el, as excavacións, a certos infelices labregos que tamén o botaron fóra dalgúns sitios, a algúns párrocos que o tomaron por herexe; chámaos avarentos, e rufiáns. Na carta, asegura que esa xente toda pretendía cavar ela unha vez saltada a lebre. E mesmo se mete con manías conspiratorias: cre que unha banda de ladróns o segue na distancia para facerse co ouro cando apareza.
-E o seu libro. Sería algún tipo de Ciprianillo?
-Non habería que descartalo, pero desde logo non o parece. Parece…máis pagán. En todo caso, en varias ocasións fala dalgún tipo de fonte oral…cousas como “polo que se me dixo”, e cousas así. ¿Un único informante? ¿Preguntaría en cada aldea? -Pedro Ínsua encolleuse de ombreiros.
-E nin idea de que fixo co que atopou, por suposto -Ossorio picaba polbo con entusiasmo manifesto.
-É que segundo el, non atopou “nada de valor” que pueda interesar á Súa Maxestade ou similar. Vai ti saber. Non hai que comerse a cabeza. Esa xente metería a cerámica no escombro mesmo do expolio.
-¿E non lle mandaron un alguacil a mirar? ¿Fiáronse?
-Aínda non o sei. Pero non me estrañaría. A década de 1610 foi un tanto convulsa na Corte madrileña. Sería un tolo máis, un buscavidas de tantos que sobrevivían polos Reinos da Coroa española. Comprenderás que fronte ás promesas de ouro de América isto era pouco menos que unha carallada.
-Isto foi sempre unha carallada -dixo Luís Ossorio.
-Vou prantar -dixo Pedro- Estou asustado.
-Non cho consinto. Non antes do leitón, cando menos -sentenciou Luís, afrouxándose discretamente o novelo da garabata- Xa sabes, Pedro, que nos debemos á Fortuna.
-O carallo, Luís.

Luís Ossorio levantouse e foi coller a chaqueta que estaba colgada ao fondo. Cando volveu, Pedro sabía o que traía. Luís tirou un monllo de cuarzos sobre a mesa, e por un momento perdeu o seu aspecto relaxado, para tensarse e volverse case ameazante contra a nada.

-Na porta do pazo, en Rois, hoxe cando chegou o panadeiro xa estaban. Temos que saber quen é este cabrón e que carallo quere.

Confirmacións

8 Xul 2008

Miguel Maneiro, bolseiro de investigación na Facultade de Bioloxía da USC, senta na terraza do Bicoca cuns zapatóns enlamados, case coma unhas zocas de aldea, coma se todo o día estivera a traballar no monte e estiveramos no medio do xaneiro invernal nos Ancares. Pide unha caña e agarda, agarda, agarda. Non sabería dicir a quen, pero el sabe que ten que agardar. Observa como pasa a xente: teatreiros, camareiros de camiño aos pubs, traballadores de última hora, estudantes rezagados, turistas despistados que se perden por Entremuros. Esa rúa debera ter unha sinal de interrogación á entrada, pensa Miguel.

Ao cabo aparece unha muller alta, abrigada cunha gavardina, cun bolso colgado. Todo o conxunto queda estraño, como se cada unha das prendas, de tenda caa, fora colocada no corpo sen ter en conta as outras pezas. Non se pode dicir que sexa guapa. Para diante da súa mesa, e mira aos lados, como agardando a alguén, ou asegurándose antes de cometer un atraco. Non tarda en sentar na cadeira de enfronte a Miguel, e mírao aos ollos cunha enorme curiosidade. Miguel non sabe que dicir. ¿Era iso o que esperaba? ¿Quen era ela? ¿Por que non pode deixar de mirala? Miguel non se ve, pero non está a pestanexar, está case como en estado de hipnose. Un camareiro sae a atender á muller pero, prudentemente, torce o paso cara outra mesa.

Ela continúa seria, esculcándoo con curiosidade.

-Si que nos vedes -sentenciou, se cadra un tanto molesta.

A muller levántase e marcha con paso ostentosamente rápido Entremuros arriba. Miguel pediu outra caña. E, se cadra, o recordo do que aconteceu se lle foi borrando cos grolos frescos.

Pecho o móbil coa foto que me mandou Sara e ao facelo, sinto un calafrío. Creo que lles vou contar o que falamos onte na Viña de Xabi. Non, case mellor ledes antes un parágrafo deste texto que teño nas miñas mans. É o mesmo que lle dixen a ela.

En moitas daquelas tumbas dos xentís galigrecos había dentro das arcas un gran número de pedras das que din de cuarzo en cantidade de cinco ou seis monllos e debía ser cousa en común en todas elas e debían crer que eran pedras de moita pureza e forza máxica. E algúns dixeron que esas pedras eran usadas polas bruxas para os conxuros e as maldicións que alí se xuntaban, máis diso non se sabe nada certo.

O certo é que a pesar do amplo número de excavacións levadas a cabo nas mámoas galegas, e a pesar do significativo número de pedras de cuarzo, ata agora non se atopou ningunha mámoa que conteña unha cantidade máis que significativa destes materiais.

Quero dicir, o que nos chegou en paquete a Sara Fortes e máis eu coincide asombrosamente coa lectura deste libro. Máis ou menos. Creo que é o momento de falar del.

Antes, unha presentación. Chámome Pedro Ínsua. Son tradutor de Románicas e Xermánicas. Un tipo solitario e algo retraído (hai anos negaríao, pero vese que vou asumíndoo). Estou a traducir un manuscrito de Pedro Vázquez de Orxás, señor de Recemil. Se cadra non coñezan a este home, pero pódolle asegurar que este fidalgo barroco cambiou a historia do noso país definitivamente.

Orxás, un fidalgo lugués de non moitos posíbeis, era un saqueador profesional. Embaucou ao rei Felipe III para que autorizara legalmente cunha Real Cédula o saqueo sistemático dos túmulos megalíticos galegos ou, como el lle chamaba, as tumbas dos “xentís galigrecos” en 1609. Para conseguir o favor, as influencias de Orxás na Corte pasaban por un home do Duque de Lerma, o confesor do Rei Felipe III, un aragonés chamado Fray Luís de Aliaga. Trala cédula, Aliaga só tardou un ano en demandar a Orxás unha memoria dos achados, dos supostos tesouros que se ían atopar nesas tumbas. O lugués redactou un vacilante e exculpatorio informe no que afirmaba un fracaso rotundo nas súas pesquisas e inculpaba a unha terceira parte.

Pois ben, esa memoria, depositada nos legaxos do Arquivo do Infantado, no Arquivo Histórico Nacional, está fotografada nun CD e estou acometendo a transcrición. Ah, que quen me paga? Luís Ossorio. Ossorio, xa llo dirá el, pensa que Orxás non fracasou. Eu intento interpretar esta memoria endiañada. Ou iso facía ata este paquete.

Abrimos unha entrada biográfica para Pedro Vázquez de Orxás.

Acabo de chegar da Viña de Xabi, logo dunha longa, eterna conversa con Pedro Ínsua. Eu chegara antes e topei unha mesa libre de casualidade. Vin a Pedro pasar pola rúa: non cambiara nada en dous anos. E para ser en verán levaba a súa eterna gabardina gris que o acompañaba en calquera estación. Entrou. Dous bicos de rigor. Sentou. Quedamos en silencio. El botou a man ao peto da gabardina, como rebuscando algo. Sacou un feixe de cuarzos e botounos riba da mesa.

-¿É un tesouro? -díxenlle con retranca.
-Máis ou menos -dixo Pedro cabeceando- Hoxe recibín un paquete na casa. Dentro só estaban estas pedras.
-Sempre che pasa igual -dixen tomándome un algo máis de confianza do preciso.
-Son un tipo moi normal, Sara -dixo Pedro, cara esculpida a machada, idade imprecisa, ancorado ás portas da madurez sen dar entrado.
-¿E chamáchesme por iso ou por nostalxia? -díxenlle eu.
-Ás veces a vida dá voltas. Non hai demasiado misterio. Andiven demasiado liado -aquelo soou demasiado pouco a excusa. Despois da chamada telefónica debera desistir. Ao fin e ao cabo, neste país desaparecemos os uns dos outros sen máis explicacións e pretendemos dalo por normal.
-Si, coñezo iso.

Pedro comezou a xogar coas pedras de cuarzo. Algunhas tiñan anacos de terra xa tirados sobre a mesa. Parecía que lle custaba o que ía dicir.

-Non -dixo el- verás. É un tanto estraño. Hai un ano, nun congreso en Burgos, un arqueólogo publicou unha pequena ponencia nas actas dun congreso burgalés: O uso do cuarzo como material suntuario no megalitismo e na Idade do Bronce. Sinalaba que en moitas mámoas e, ultimamente, nas excavacións que se fan ao redor de moitos petroglifos do país, atópase unha proporción moi elevada de pedras de cuarzo. Materiais irregulares, sen elaborar. O cuarzo é moi difícil de elaborar. Para este arqueólogo, o cuarzo era unha sorte de material máxico, suntuario, de valor. Non é coma o ouro, que precisa ser recollido, que tes que ter unha certa industria detrás. O cuarzo tiña outro tipo de valor.
-Nada que non saiban todos os newagers do mundo -dixen eu.
-Si -dixo Pedro, mentres rebuscaba no outro peto da súa gabardina- O único problema é esta foto que me mandaron dentro da caixa.

Pedro amosoume esa foto, que me deixou pampa. Alí había unha mámoa recén excavada, pero nada de cadrículas arqueolóxicas. A sacho. unha mámoa furada. Apreciábanse algúns dos ortostatos dunha pequena cámara de pedra. Mirámonos pasmados.

Si, por suposto, falamos moito máis. Pero agora non podo pensar moito. Estou na terraza, coa luz das habitacións prendidas. Estou pensando nesa caixa que teño ao meu carón, esa caixa de cor estraza que alguén deixou na miña porta mentres fun á Praza Roxa a quedar con Ínsua. A caixa estaba chea de cuarzos e terra, e as pedras son como un axóuxere ao movelas. E hai outra fotografía, por suposto.

Outra mámoa violada. Coa mínima luz da lúa, o seu tesouro brilla nese cartón.

Por suposto que me estou comendo as unllas. E Pedro volveu fumar.

Observo con preguiza este tempo de nubes e claros, o vento máis frío que quente que sube trampón pola rúa enriba. Teño o portátil aceso, agardando por un correo electrónico que non chega, mentres sento na terraza e tento atrapar cos pés un anaco de luzada que chega e marcha. E, de súpeto, chama Pedro. Había, cando menos, un par de anos que non aparecía ese nome na pantalla do móbil. Pedro Ínsua. Contéstolle.

-Xa falei con Luís. Mellor, el falou comigo -díxenlle antes que saudara.

Supoño que Pedro non sabería que dicir. Que estaría matinando unha excusa para xustificar dous anos de incomunicación e ficaría sorprendido.

-Ah…si -contestou el- era por iso que te…chamaba -deixou a frase en suspenso, dándose conta de que ás veces podía ser un autómata- eh, ¿como estás?
-Iso soou moi interesado, Pedro -contesteille ríndome.
-Non o era -respondeu- había tanto tempo…
-¿Ás oito na Viña de Xabi? -decidín cortar co apuro que estaba a pasar.
-Vale. ¿Sabes unha cousa?
-Non sei se quero sabela.
-Non me esquecín de ti -dixo Pedro collendo azos por primeira vez.
-Seino.

Decidín colgar. Hoxe ás oito na Viña de Xabi. E seguro que con el viña unha carpeta repleta de material.

Unha presentación

30 Xuñ 2008

Estaranse preguntando que que somos, que estamos a escribir e que sentido ten todo isto.

Verán: case mellor que me presente. Chámome Luís Ossorio. Son médico retirado. Son destes médicos aos que chamaban galeguistas. Non pertenzo á quinta de Domingo García Sabell, de Xerardo Fernández Albor ou de Sixto Seco: son un pouco máis novo e, como tal, estiven algo máis arriscado de militancias na Transición. Para eles, de familia fidalga e altoburguesa coma min, fun a evolución lóxica trala coidadosa posguerra. Cando foi o momento, pasei a formar parte dos contados propietarios do Sanatorio A Rosaleda de Compostela e a exercer o mecenado, talento discreto que se nos reservaba aos poucos notarios e médicos que profesabamos fe patria pero que, por condición social, nos moviamos en círculos ben agnósticos.

Agora paso o tempo na casa que herdei dos meus devanceiros en Rois, retirado, disfrutando de cinco netos e de Amalia, a miña muller. Teño sesenta e oito anos, así que a vida aínda me permite algúns caprichos e paixóns. Non moitos, pero abondos para perpetuar unha sona máis ou menos infundada que circulou sobre min toda a vida, a de bon vivant. Non serei eu quen a negue, desde logo. Aos vellos se nos supón un aura de respectabilidade, que desde logo, non temos. Os meus caprichos, con todo, son perdoables para un pecador de boa familia e, sen dúbida, son as que me perpetuarán para o futuro: o meu Jaguar, a miña devoción polos libros antigos, un desaforado interese pola alta e baixa gastronomía (que, por fortuna, pola miña constitución nunca tivo consecuencias de peso), un ánimo viaxeiro que me fixo visitar case todos os sitios que pagan a pena ser visitados, e a miña paixón por acoller a excéntricos solitarios, seres atormentados e lúcidos dos que esta cidade de Compostela, escombreira de todos os talentos vilegos da contorna, ten abundancia. Xente coma o brillante Pedro Ínsua, de quen lles falarei noutro momento. Por suposto, sempre hai obxectivos en todo isto, misións finais. Teño certa tendencia a verme involucrado en sarillos propios da novela negra, algo bastante pouco habitual nun bibliófilo. Gago ten unha historia titulada Fortuna na que conta o último caso no que me vin liado con Ínsua. Pregúntenlle a el un día.

Verán: temos un problema. Un problema serio. Vostedes e máis eu, pero vostedes non o saben: é máis, case ninguén o sabe. E, por agora, non deberan sabelo.

Digamos que eu tiven que abandonar (algo) a miña postura cínica ante os feitos que estamos a vivir. E os meus compañeiros inesperados neste barco tamén. É cousa seria. Mesmo perigosa. Gustaríame que xente como Rof Carballo, ou Lisón Tolosana, estivesen connosco aquí para axudarnos a comprender, pero no fondo sospeito que eles tamén ficarían sobrepasados. En realidade, abrimos esta páxina de Internet para que vostedes nos axuden. Non se rían. Agora estarán pensado de que vai isto. Xa llo digo eu de antemán: isto é realidade alternativa. Ou é o mesmo, ficción e verdade en proporcións que nos reservamos como parte contratante. Poderán comprobalo no seu mundo, fóra desta pantalla. Poderán intervir e cambiar a historia. A Grande e a pequena (nosa). Deberán axudarnos, se así o queren, antes de que isto se nos escape das mans. Só temos dous meses. Coma mecenas do grupo, tocoume a dubidosa honra de chamalos á acción e, sobre todo, de recompensalos.

Abofé que o farei, se nos sacan desta. Polo de agora, estean á espreita do que acontece, que lles será diariamente relatado nesta páxina por cada un de nós, aprendan e asimíleno. E perdoen que vacilemos e cometamos erros ao contarllo: non é este o medio máis ortodoxo de contar unha historia, pero é o máis rápido e, desde logo, o que nos permite interactuar con vostedes. En breve terán que demostrar o que poden facer.

Por certo, dirán que se queremos levar discretamente a historia, non é Internet o mellor lugar. Discrepo. Entre que é verán, que isto está escrito en galego, descartando todos os internautas aos que o autor lles cae mal ou que non o consideran da súa corda (e xa se sabe que neste país só se len cordas), eliminando a todos aqueles que non o lerán por suficiencia intelectual, e máis aqueloutros aos que non lle gusten estes enredos porque a boa literatura segue no papel, aquí quedaremos catro gatos. Vostedes e máis nós. ¿E que mellor segredo que aquel que parece que non é?

Lea o resto da nota »

O día está ardente en Santiago. Esta cidade de funcionarios sufre unha combinación letal as fins de semana que se define pola fuxida covarde: fuxen á aldea, fuxen á casa de campo, e se non teñen propiedades alén do seu piso hipotecado, fuxen onde sexa, coma se isto fose o último cu suburbano e degradado de Madrid. O caso é desaparecer as fins de semana. Vou ao supermercado, entro nunha tenda neste serán afogante, o primeiro do ano. Andar soa por estas rúas desertas faime sentir aínda máis soa. Así que aquí estou: forte como unha vaca, pero soa nunha cidade do interior. Non me arrepinto, pero non teño arelas de refacer a vida. Gústame ese síndrome do membro pantasma na miña vida. Por agora, claro. Teño trinta e cinco anos e ningunha gaña de enganarme a min mesma.

Nestas cidades interiores a soedade, no verán, faise máis grande.

Pola noite, marcharei á zona vella. Farei como que espero, nunha terraza, vinte minutos, que é un tempo prudente. Logo marcharei a outra.

Asinado en Recemil, o 15 de maio de 1607:

Hoxe marchou meu bo tío camiño a Castela, á Corte. As esperanzas e a fe na empresa é grande e boa. Na súa mula e maila dos seus criados, as alforxas van cheas cos tesouros que han convencer a El-Rei Noso Señor da bondade e oportunidade da nosa querencia.

Dous animais mitolóxicos aparecen debaixo do texto:

Obviamente, estes gravados non figuran no papel orixinal. Foron recortados e pegados directamente no papel, pero, e isto é o sorprendente, como mínimo vinte e oito anos despois da redacción do texto. Proceden da Historia Naturae, Maxime Peregrinae, Libris XVI, redactado polo filósofo español Juan Eusebio Nieremberg en 1635. Pódese admirar o libro en liña na Biblioteca do Congreso. A cuestión é: ¿quen recortou e pegou estes animais aquí? ¿E por que?

Con todo, se algo me teño que preguntar, é o contido das alforxas que levaba Frai Benito Vázquez de Orxás e os seus criados José da Ponte e Pedro Mariñas. Un tesouro destinado a sorprender e obter o favor dun rei non moi culto. E abofé que o conseguiu.

Sobre o OutroMundo

O único que sabemos deles é a través da vella mitoloxía popular. Durante moitos séculos estiveron calados, reducidos á mitoloxía do mundo rural. Agora volveron, e non sabemos como reaccionar. As nosas lendas falan de que son moi perigosos.

Esta é unha historia que só pode avanzar coa túa contribución. En momentos determinados, deberás saír ao exterior e resolver un enigma alí onde nós non podemos chegar.


Publicidade

Forma parte de OM

Convértete nun usuario do Outro Mundo de balde e acada una dimensión máis intensa da historia.